viernes, 10 de septiembre de 2010

A viaxe a Vila do Conde en imaxes (Xullo 2010)




Desta volta non faremos crónica e deixaremos que as imaxes falen por nós.


Fotos, coma sempre, fixemos moitas, pero cremos que estas poden ser significativas.

Primeira parada: Apulia



Paseo para estirar as pernas




Galán pensando como xogarlla a Pepe. Narín observa.



O corpo do delito (Rest. Os Mudos)



Plácido queríalle facer pagar doble.


Xa en Vila do Conde



Un equipo rocoso



A foto de rigor. Alfonso non quere nin ver, intúe a que se lle ven enriba.



Un lance do xogo. Gayol busca o pase.

O convivio. Maxistral, coma todos os anos.













¡¡¿¿ ...??!!




¿Cando toca a próxima? ... Caldas da Raíña. Tal vez.




sábado, 17 de julio de 2010

CD Ourense, 7 - Baixa Limia, 2

O sábado 26 de xuño enfrontámonos a lexendarios xogadores de C. D. Ourense no estadio do Couto.




O noso conxunto estaba considerablemente mermado polas numerosas baixas, polo que houbo que recurrir a reforzos de última hora, todos eles (por suposto) da Baixa Limia e que en breve deberán formar parte xa de pleno do equipo. Estamos a falar de Javi, Suso, Ismael e Miguel, todos eles de contrastada calidade.




Era a primeira vez que o noso equipo pisaba o principal campo de fútbol da provincia e o certo é que nos primeiros minutos houbo bastante igualdade no xogo, chegando a colocarnos con 1-2. Pero entón C.D. Ourense, sorprendido de saída, comezou a presionar con maior intensidade, aumentou o ritmo e fíxose dominador do encontro. É evidente que o baixón físico da nosa parte tamén contribuíu a desequilibrar o partido.




Desde os Veteranos da Baixa Limia queremos agradecer a acollida que nos fixeron os xogadores do Ourense, que culminou cunha cea nun restaurante de Oira, e especialmente ó "contacto", Aníbal.


martes, 6 de julio de 2010

O 10 de xullo viaxaremos a Vila do Conde

O sábado 10 de xullo visitaremos ós nosos vellos amigos de Vila do Conde.



Hai que recordar a todos os participantes deste xuntanza xa clásica que moi probablemente se entreguen os premios correspondentes ó escrutinio realizado na nosa anterior visita a Vila do Conde.



Lémbrovos a todos a necesidade de que se tedes algo que obxetar ós resultados que o fagades canto antes nos comentarios (abaixo). Debedes saber que hai quen non está de acordo co que alí se votou e está decidido a resolver o asunto polas boas ou polas malas, ameazando con unha revolución en toda regla. Parece ser que ós votantes non se lle deu un período de reflexión adecuado e que hai quen se sente perxudicado. É evidente que a trascendencia deste referendum é grande e moita xente non se resigna a quedar fóra da historia. Os resultados podédelos ver pinchando aquí.



No que respecta ó meramente deportivo, as noticias din que os dous equipos están facendo unha preparación exhaustiva, tal como se sospeitaba tras o encontro en Entrimo, no que ninguén saíu moi contento. É unha incógnita a táctica que empregará Galán, o técnico da Baixa Limia; os entrenamentos están sendo todos a porta pechada, pero hai rumores que din que igual se atreve cun plantexamento ofensivo con tres dianteiros e un mediapunta creador, en vista da escasa efectividade mostrada nos últimos encontros.




O conxunto da Baixa Limia espera contar novamente coa presenza de Gayol, quen, ofendido por os comentarios que se verteron sobre os motivos da súa ausencia no encontro de ida, pretende calar todas as bocas que dubidaron da súa implicación. "Eu non me borro nunca", foron as súas palabras á prensa local.



Dos amigos de Vila do Conde non se sabe tampouco gran cousa. Eso sí, esperamos que o noso compañeiro Xavier logre infiltrarse en algún dos seus adestramentos e consiga polo menos descubrir algunha das xogadas de estratexia que din que están a preparar.




Polo que se refire precisamente a Xavier, tamén comeza a haber algúns comentarios motivados pola súa non aparición nos últimos encontros. As versións que circulan son do máis variado, pero toman peso aquelas que afirman que tal vez estea tramando a súa fichaxe por outro equipo ou simplemente que estea gardando forzas para o encontro de Vila do Conde, onde, ó parecer, ten unha gran masa de adeptos que o adoran e ante a cal quere lucir as súas mellores cualidades. As especulacións siguen abertas.



Vémonos o sábado 10 de xuño, para seguir enchendo o baúl dos bós recordos, que xa son moitos.

domingo, 27 de junio de 2010

Os amigos de Vila do Conde fixéronnos a súa visita anual



Foi un encontro marcado polas ausencias nos dous equipos o que xogamos en Entrimo o sábado 29 de maio contra os amigos de Vila do Conde. Non houbo un bo ritmo de xogo por parte de ninguén e é por eso que os dous conxuntos se conxuraron para ofrecer un mellor espectáculo ós seus xiareiros no partido de volta en terras lusas. Mención especial merece a non comparecencia de Gayol, que (según dín os máis malpensados) fixo que o internasen no hospital, temeroso tal vez da velocidade dos dianteiros rivais.


Tampouco axudou o terreo de xogo, que non permitía lucir as súas habilidades a xogadores tan exquisitos. A esto hai que lle sumar o parecido das equipacións de ambos bandos que provocou máis dun malentendido no pase (foi unha das escusas máis usadas cando se fallou).







Merece tamén un comentario a actuación do colexiado, o señor Zaldúa. Mostrouse en todo momento autoritario, ata o punto de non permitir o máis mínimo roce, para non ter que botar man dos cartóns que levaba no peto. As súas decisións non sempre foron ben admitidas, pero pódese dicir o mellor que se pode dicir dun bo colexiado: non influíu no resultado (bueno, algúns dín que si, ¿¿¿ ... ???)







O post-partido estivo animado como sempre. Comentouse o partido, as xogadas discutidas, contáronse as anécdotas de sempre e outras novas, ... No restaurante La Entrimeña, onde demos boa conta das viandas servidas en abundancia.


domingo, 25 de abril de 2010

BAIXA LIMIA, 0 – C. D. OURENSE, 2


Unha derrota honrosa

O sábado, día 17, en Lobios enfrontámonos ó equipo de veteranos de C. D. Ourense. Nomes históricos do clube capitalino acudiron á cita; alí estaban Nolis, Pichi, Dacosta, Modesto, Toño Rivas, Bericat, Víctor Arias, Aníbal, Querella, Hortas, Quecho, …. Pola nosa parte, practicamente en “pretemporada”, presentouse a casi totalidade do plantel.



A superioridade do Ourense foi manifesta: toque preciso de balón, claridade de ideas, axudas constantes, … A Baixa Limia, pola súa banda, ofreceu entusiasmo, loita e, por momentos, bo xogo. O resultado, 0-2, con un gol en cada parte, reflicte o que sucedeu.



Para o noso equipo a derrota debémola considerar honrosa, xa que o rival non era un calquera, e nunha boa parte do encontro conseguimos xogarlles de ti a ti, chegando incluso a crear varias ocasións de gol, que non se chegaron a concretizar case sempre por precipitación. O equipo xogou máis xunto e con intención de facer un fútbol máis combinativo do que viña sendo habitual, o que redundou na mellora do noso xogo. Ese debe ser o camiño e non o da patada a seguir, tipo rugby. Así todo será máis divertido. O míster, que é home sabio, di que a melloría veu motivada pola estrea da nova equipación; afirma que a súa similitude coas cores da Holanda de Cruyff, a famosa laranxa mecánica dos anos 70, vai traer, como "consecuencia lóxica" un xogo parecido. Se el o di ...




E, aparte do meramente futbolístico, tamén debemos resaltar algo importante: despois de moito tempo non houbo discusións nin berros no campo, aparcando (esperamos que para sempre) a imaxe lastimosa de “banda” que algunha vez tiñamos dado. É evidente que se se anima ó compañeiro, se se lle axuda, se non se lle fan reproches (algunha vez para tapar carencias propias ...), a cousa irá mellor, como quedou demostrado neste partido.
.
A nota dominante foi a deportividade. Apenas houbo faltas e os dous equipos tiveron un comportamento exemplar, entendendo á perfección a filosofía deste tipo de encontros.

No postpartido, polas tabernas de Lobios e no restaurante Lusitano, a igualdade xa foi maior. Aí os Veteranos da Baixa Limia xa son capaces de tutear a calquera.

O próximo encontro será, con toda probabilidade o domingo 2 de maio, pola tarde, contra un equipo de curas arraianos.

viernes, 16 de abril de 2010

GALÁN E O FÚTBOL, UNHA HISTORIA DE AMOR




É díficil concretar con exactitude cando José Luis Domínguez Faria coñeceu o fútbol. Tivo que ser de moi neno, unha tarde calquera de verán, na Illa, por suposto, cando os fillos dalgún emigrante en Francia ou en Lisboa pateaban unha pelota nun camiño calquera. Como non podemos ser precisos neste dato, deixamos o tema aberto para que algún “historiador” máis sabio ca nós, poida aclaralo no futuro. Creemos que a importancia do personaxe merece unha investigación profunda.




Foi un amor a primeira vista. E, en pouco tempo, converteuse nunha paixón arrebatadora. Prometeulle amor eterno e, ata o de agora, non lle ten sido infiel. Mira tamén para outros deportes, é certo: ciclismo, tenis, fútbol-sala, fórmula 1, balonmán, … pero só para apreciar a súa beleza, sen máis intencións. O seu corazón é do fútbol, non hai lugar para nada máis.

E cando tivo que decidirse por unha posición no campo pensou que de porteiro podería disfrutalo cunha intensidade maior. Así, máis que atrapar balóns, abrazábaos, cun abrazo sentido, ata cariñoso, e os balóns só tiñan ollos para el, buscábano, todos ían parar ás súas mans, querían sentir esa calor, ese agarimo, fuxir de tantos destripaterróns e torcebotas que só querían coucealos con violencia, sen delicadeza, sen consideración.







Foi no Ylla F.C. (sí, con Y), o equipo do seu pobo, onde debutou. Tocoulle a difícil tarefa de sustituír a Nido, o primeiro gran referente na portería local. E foi no Ylla onde empezou a sentar cátedra. No campo das Sobreiras fíxose grande e comezou a escribir a súa lenda. ¿Quen non lembra aqueles partidos históricos nas festas do pobo, a principios de agosto, contra os emigrantes de Nancy? Un ano tras outro, vencía a Illa, con el baixo os paos. Ata que houbo que poñerlles fin porque a rivalidade era tal que trascendía ó terreo de xogo, afectando seriamente a convivencia, incluso entre as familias. Ou aqueles outros encontros contra os portugueses de Parada do Monte ou da Ponte da Barca. Aínda hoxe perdura o seu recordo na memoria colectiva da xente da Illa e arredores.




Foi de porteiro que marcou unha época no fútbol da Baixa Limia. Era o dono absoluto da área, o seu territorio. ¡Que poderío! As porterías facíanse pequenas para os rivais. Para os compañeiros, un seguro de vida. Que llo pregunten ó gran Quevedo, a Toño ou a Miguel do Casal, a Valentín, a Javier, a Pirulas…

Sí, efectivamente, estamos a falar de Galán, ¿de quen se non?

O seu primeiro equipo federado foi o Bande. Para o seu debut, alá polo ano 1975, nas categorías rexionais, configuraron unha auténtica selección da Baixa Limia. E para defender a portería ficháronno a el. Era apostar a gañador. Por aquel entón a súa fama traspasara xa o ámbito local e era un referente en toda a comarca. Partidos nas Conchas, no Viso, en Lobios, en Muiños, … non fixeran máis ca agrandar o seu prestixio.



E ó ano seguinte fundouse o Entrimo C.F. Pensou que non llo perdoarían se non botaba unha man. Cunha gran dor de corazón abandonou o Bande para continuar o resto da súa dilatada traxectoria cos seus veciños. A pesares dos numerosos cantos de serea que ouvíu, temporada tras temporada, xa non quixo trocar nunca máis de equipo; ata lle chegaron a ofrecer un coche, oferta tentadora, sen dúbida, pero nin por esas. No Entrimo sentíase valorado, arroupado, así que non sentíu a necesidade de outras aventuras.




A súa lenda foi agrandándose ata límites insospeitados e o seu nome foi pronunciado con reverencia por compañeiros, rivais e afeccionados. Acompañado de outros históricos da súa xeración levou o peso do equipo, sempre con responsabilidade, con dedicación plena, incondicional. Foron tempos de gloria para o Entrimo: un grupo de mozos, todos da zona, unidos por unha ilusión, saían cada domingo ó campo cheos de amor propio, confiados nas súas posibilidades. O público acudía en masa ós Cruceiros e incluso ós desprazamentos. O resultado foi un ascenso fulgurante ata a Primeira Rexional. Unha xeración prodixiosa: Galán, Quevedo, Chimpín, Canario, Mariño, Zaldúa, Toño, José Benito, Pirulas, os irmáns Baralló, Miguel, Tristán, Javier, Xaxo, Falín, Carpio, Juan Carlos, Agacha, Alejandro, Pachi, … un equipo irrepetible.



Un verán, a principios dos 80, chegou a Entrimo o Mirandés, aquela temporada en 2º B (cando só había un grupo a nivel nacional), co Celta, co Deportivo, … Na súa plantilla, profesional, destacaban Muñoz, Aqueche, Martín, Requejo, Maldonado, Merayo, Mediavilla … e o noso Agacha. A diferencia entre os equipos parecía moita, pero cando o partido comezou os burgaleses enseguida se deron conta que enfronte tiñan un equipo de homes valentes, atrevidos, que lles miraban á cara, de ti a ti, sen complexos. E cando se achegaban á portería local, alí había un xigante que parecía ter un imán nas mans, poderoso, dominador, incluso intimidador. O asombro do rival non era tal nos xiareiros do Entrimo … nin en Agacha; eles xa contemplaran tales exhibicións veces sen conto, xa sabían do que o rapaz era capaz. E os seus compañeiros de campo, apretaban, tiraban para diante; as costas tíñannas ben cubertas …. alí estaba Galán. 0-2 foi o resultado final, unha victoria traballada para eles e unha derrota con honra para os nosos.




¡Cantos campos da provincia poderían dar fe das súas fazañas! A prensa deixou moitas veces constancia das súas exhibicións. E eso que o público foráneo presionaba, en ocasións ata límites dificilmente tolerables. Pero nin por esas, a el non era fácil intimidalo, é máis, incluso lle servía de motivación.


Cando a pelota se atopaba lonxe da súa portería, Galán pensaba. A súa cabeza dibuxaba estratexias, tácticas, ángulos, presións, liñas de pase, … ¿Por qué non soltará o balón dunha vez?, dicía para si. Tiña que golpear de primeiras. ¡Qué pouco espíritu ten, con ese corpo…! Tiña que ter cambiado o xogo. Debería pasar ese para a dianteira e ese outro para o mediocampo. ¡Que se deixe de taconciños! Parecemos vellos. Era mellor plantexar un 5-4-1, así teriamos máis opcións.

Un bo día (malo para o fútbol) decidíu que xa era dabondo, que xa estaba canso de ter que solucionar os fallos dos demáis. E entón volcouse noutra faceta, na de entrenador, tarefa ingrata, pero nada descoñecida para el. Foron moitos os partidos nos que tivo que correxir, ordenar, animar, … desde dentro, así que tamén podería facelo desde fóra. A maior parte da súa carreira como técnico transcurríu no Entrimo, sen dúbida, o equipo dos seus amores. Pero tamén colaborou co Lobios e con cantos precisaron da súa experiencia desde a banda, co Illa F.C., cos rapaciños do fútbol-sala, cos mozos nos torneos de verán, …



O fútbol non ten secretos para el. Aprecia un xogo sinxelo, sen complicacións, directo, ben armado atrás e resolutivo adiante. Un fútbol recio, de xente que non se arruga, que mete o pé.


Na actualidade, coma moitos dos seus compañeiros de sempre, disfruta do fútbol nos Veteranos da Baixa Limia. Primeiro compaxinou a portería e banquillo ata que unha tarde aciaga, nun día triste, a sorte, a mala sorte, obrigouno a parar. A Gudiña, un dianteiro rival encara a meta e Galán sae contundente, expeditivo, como fixo sempre. Evitou o gol, pero na caída un mal golpe …. O destino, caprichoso, que tantas e tantas veces o favorecera, nesta ocasión foille esquivo. Non é xusto, nada xusto. Un grande coma el non pode ser arrincado dos terreos de xogos por un traizoeiro zurriagazo do azar. Xa plenamente recuperado aínda nos queda a esperanza de velo un día abandonar o campo de pé, coas luvas na man, orgulloso por ter feito unha boa faena, … como fixo sempre.


GALÁN, un grande.

miércoles, 3 de marzo de 2010

Libro sobre a historia do fútbol na Baixa Limia

Está en proceso de elaboración un libro sobre a historia do fútbol na Baixa Limia, coordinado desde os Veteranos da B. L. .
Aínda que as pretensións son modestas, a intención é recopilar e organizar toda a información que se poida conseguir.
Por iso, desde este blog, facemos unha chamada a todos aqueles que teñades material referido a este tema para que nolo fagades chegar, agradecendo de antemán a colaboración. Estamos seguros de que moita xente garda fotos antigas (antigas e actuais), recortes de periódicos e, sobre todo, recordos, moitos recordos. Podedes comunicarvos con calquera dos Veteranos ou a través do correo electrónico (pepentrimo@gmail.com).
Agardamos as vosas aportacións.

sábado, 16 de enero de 2010

Plácido, "unha vez tiven un soño"

“Unha vez tiven un soño. Soñei …” que un día na Baixa Limia deixariamos de lado rivalidades, localismos radicais, orgullos mal entendidos. Soñei que nos uniriamos para facer cousas xuntos, para divertirnos xuntos, para axudarnos, para … Soñei que os de Lobios, os de Muiños, os de Entrimo, os de Bande, os de Lobeira puxariamos para o mesmo lado. Soñei … Soñei …





“Eso é imposible, rapaz. Abandona a idea, non lla comentes a ninguén, riríanse de ti”, decíanme. Pero eu seguía con esa teima, non conseguía apartala da cabeza. Ata que un día decidín que polo menos había que intentalo. Falei con Galán, falei con Lino, con Gayol, con Moncho, con Cinco, … e case sen darnos conta xurdiron os Veteranos da Baixa Limia. Sí, é o fútbol o nexo que nos une. Outrora rivais encarnizados, protagonistas moitos de mil batallas, odios cuasiviscerais, comprobamos agora que é máis o que nos une ca o que nos separa.







Xa van máis de dez anos e o soño convertíuseme nunha realidade consolidada. Ostento o título de Presidente. Descoñezo se hai oposición á miña xestión, creo que non, pero xa sabedes eso da erótica do poder. A responsabilidade é moita, aínda que conto cun bo equipo de colaboradores. Algunhas veces tenme asaltado o desánimo e síntome tentado a abandonar, pero entón acórdome de todos eses momentos en tantos campos de fútbol, de todas esas saídas no microbús do Lino, de Segovia, de todas esas risas, daquel gol fallado en Mondoñedo, daquel outro espectacular de Vila do Conde, da amizade e do bo ambiente do grupo, … e o ánimo recupéraseme.




Foi fai moitos anos, no Seminario Menor, coma algúns dos meus compañeiros, cando empezei a xogar ó fútbol. Aínda lembro os partidos que alí organizabamos, había que poñer as redes ás porterías, marcar o campo cun picachón, as camisetas raídas e con manchas de óxido, … Xa entón xogaba de lateral “carrileiro”.





A miña carreira futbolística transcurríu básicamente no Muiños, o equipo do meu pobo. Foi aí, ben coma compañeiros, ben coma rivais, onde fixen a maioría dos contactos cos que agora son os “socios” desta aventura. Incontables son os kilómetros recorridos no campo de Mugueimes. Moitas son as botas (¿acordádesvos das Marco?) gastadas naquelas bandas. ¿Cantos centros terei feito, cantos cortes, cantos recortes, cantos pases?





Debo que dicilo. Tamén militei no San Andrés de Tenerife, ó lado da praia de Las Teresitas, pero foi unha estancia breve, fugaz. Ese non é lugar para min, demasiada calor. Púidome a nostalxia, botaba de menos a terra.






Pareceravos que estades lendo o relato dun ex-futbolista. Pois estades errados, moi errados. É agora precisamente, nos Veteranos da Baixa Limia, onde estou dando o mellor de min, aproveitando toda a sabiduría acumulada. Sí, é verdade, entreno moito; case cada día saio a correr para manter a forma, tampouco é cuestión de abandonarse e, por enriba, hai que subsanar as evidentes lagoas físicas de algúns. Quédame o resquemor, teño que recoñecelo, de non ter podido participar (por unha inoportuna lesión) no partido contra os veteranos do Atlético de Madrid; poida que, de xogar eu, o resultado non tivese sido tan abultado.



Férveme a cabeciña. Madeira, Madeira, Madeira, … os Veteranos da Baixa Limia ten que xogar un partido na Madeira. O ano que ven hai que ir, temos que ampliar os horizontes, ver mundo. Xa estivemos a punto de xogar en Cuba, pero finalmente non pudo ser por falta de efectivos. Só foi posible enviar unha pequena delegación a La Habana para que tamén alí soubesen que existiamos. ¡Ai, embárgame a saudade! A miúdo lémbrome daqueles paseos polas rúas coloristas da Habana vella, dos mojitos, das súas rapazas bonitas, da súa música (algún que outro bailoteo nos marcamos), do Tropicana, do Malecón, da súa alegría, da súa luz, das súas noites (¡con que soltura algúns se manexaron nelas!). Fue bonito mientras duró. Pero agora toca a Madeira, … e vamos a ir moitos, … e xogarémoslle un partido, e…. será bonito.




Plácido, Veteranos da Baixa Limia, un soño feito realidade.