domingo, 25 de abril de 2010

BAIXA LIMIA, 0 – C. D. OURENSE, 2


Unha derrota honrosa

O sábado, día 17, en Lobios enfrontámonos ó equipo de veteranos de C. D. Ourense. Nomes históricos do clube capitalino acudiron á cita; alí estaban Nolis, Pichi, Dacosta, Modesto, Toño Rivas, Bericat, Víctor Arias, Aníbal, Querella, Hortas, Quecho, …. Pola nosa parte, practicamente en “pretemporada”, presentouse a casi totalidade do plantel.



A superioridade do Ourense foi manifesta: toque preciso de balón, claridade de ideas, axudas constantes, … A Baixa Limia, pola súa banda, ofreceu entusiasmo, loita e, por momentos, bo xogo. O resultado, 0-2, con un gol en cada parte, reflicte o que sucedeu.



Para o noso equipo a derrota debémola considerar honrosa, xa que o rival non era un calquera, e nunha boa parte do encontro conseguimos xogarlles de ti a ti, chegando incluso a crear varias ocasións de gol, que non se chegaron a concretizar case sempre por precipitación. O equipo xogou máis xunto e con intención de facer un fútbol máis combinativo do que viña sendo habitual, o que redundou na mellora do noso xogo. Ese debe ser o camiño e non o da patada a seguir, tipo rugby. Así todo será máis divertido. O míster, que é home sabio, di que a melloría veu motivada pola estrea da nova equipación; afirma que a súa similitude coas cores da Holanda de Cruyff, a famosa laranxa mecánica dos anos 70, vai traer, como "consecuencia lóxica" un xogo parecido. Se el o di ...




E, aparte do meramente futbolístico, tamén debemos resaltar algo importante: despois de moito tempo non houbo discusións nin berros no campo, aparcando (esperamos que para sempre) a imaxe lastimosa de “banda” que algunha vez tiñamos dado. É evidente que se se anima ó compañeiro, se se lle axuda, se non se lle fan reproches (algunha vez para tapar carencias propias ...), a cousa irá mellor, como quedou demostrado neste partido.
.
A nota dominante foi a deportividade. Apenas houbo faltas e os dous equipos tiveron un comportamento exemplar, entendendo á perfección a filosofía deste tipo de encontros.

No postpartido, polas tabernas de Lobios e no restaurante Lusitano, a igualdade xa foi maior. Aí os Veteranos da Baixa Limia xa son capaces de tutear a calquera.

O próximo encontro será, con toda probabilidade o domingo 2 de maio, pola tarde, contra un equipo de curas arraianos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario