Comezou a pretemporada 2011 para os Veteranos da Baixa Limia.
O 26 de febreiro empezaron os adestramentos do equipo no campo do Lobios. Houbo unha masiva afluencia de xogadores nesta "posta de largo". É probable que se produzan novas incorporacións, dándose xa como segura a presencia de Javi da Illa, despois da súa retirada do fútbol competitivo.
É evidente que o estado físico da plantilla, despois dun longo inverno, deixa algo que desexar, pero a competencia, que se prevé feroz, por gañarse un posto de relevancia no equipo, fará que en breve se vexan melloras. O adestrador quixo comprobar xa o primeiro día de traballo a implicación de cadaquén e programou un adestramento "envenenado", cun partidiño Barça-Madrid, ... e saltaron chispas (hai cousas coas que non se xoga).
Para limar asperezas e recuperar as calorías perdidas, acudiron a unha cea de exquisita calidade na "Casa do Aceite" na Portaxe.
Quince días despois, o 12 de marzo, na adega do Cinco en Riocaldo houbo un novo encontro para "facer equipo". Galán non parou de queixarse do tempo, porque a choiva lle impedira levar a cabo unha nova sesión técnico-táctica sobre o campo. Parece que pode haber novidades importantes en canto a sistema de xogo, buscando un fútbol máis combinativo, e sustituindo a furia polo tiqui-taca. Coméntase que pasou parte do inverno visionando videos de "La Roja" e que a piques está de renunciar ós seus plantexamentos de sempre. Os resultados dictarán sentencia.
Na merenda, luciron as empanadas de Sindo (presentounos en primicia a súa nova creación, "empanada primavera"), os embutidos de Mariño, o xamón e os queixos de Xavier, o augardente de herbas de Xaxo, .... todo ben regado cos excelentes caldos do anfitrión.
En breve terá lugar o primeiro encontro, en Arbo (Pontevedra).
No hay comentarios:
Publicar un comentario