domingo, 25 de abril de 2010

BAIXA LIMIA, 0 – C. D. OURENSE, 2


Unha derrota honrosa

O sábado, día 17, en Lobios enfrontámonos ó equipo de veteranos de C. D. Ourense. Nomes históricos do clube capitalino acudiron á cita; alí estaban Nolis, Pichi, Dacosta, Modesto, Toño Rivas, Bericat, Víctor Arias, Aníbal, Querella, Hortas, Quecho, …. Pola nosa parte, practicamente en “pretemporada”, presentouse a casi totalidade do plantel.



A superioridade do Ourense foi manifesta: toque preciso de balón, claridade de ideas, axudas constantes, … A Baixa Limia, pola súa banda, ofreceu entusiasmo, loita e, por momentos, bo xogo. O resultado, 0-2, con un gol en cada parte, reflicte o que sucedeu.



Para o noso equipo a derrota debémola considerar honrosa, xa que o rival non era un calquera, e nunha boa parte do encontro conseguimos xogarlles de ti a ti, chegando incluso a crear varias ocasións de gol, que non se chegaron a concretizar case sempre por precipitación. O equipo xogou máis xunto e con intención de facer un fútbol máis combinativo do que viña sendo habitual, o que redundou na mellora do noso xogo. Ese debe ser o camiño e non o da patada a seguir, tipo rugby. Así todo será máis divertido. O míster, que é home sabio, di que a melloría veu motivada pola estrea da nova equipación; afirma que a súa similitude coas cores da Holanda de Cruyff, a famosa laranxa mecánica dos anos 70, vai traer, como "consecuencia lóxica" un xogo parecido. Se el o di ...




E, aparte do meramente futbolístico, tamén debemos resaltar algo importante: despois de moito tempo non houbo discusións nin berros no campo, aparcando (esperamos que para sempre) a imaxe lastimosa de “banda” que algunha vez tiñamos dado. É evidente que se se anima ó compañeiro, se se lle axuda, se non se lle fan reproches (algunha vez para tapar carencias propias ...), a cousa irá mellor, como quedou demostrado neste partido.
.
A nota dominante foi a deportividade. Apenas houbo faltas e os dous equipos tiveron un comportamento exemplar, entendendo á perfección a filosofía deste tipo de encontros.

No postpartido, polas tabernas de Lobios e no restaurante Lusitano, a igualdade xa foi maior. Aí os Veteranos da Baixa Limia xa son capaces de tutear a calquera.

O próximo encontro será, con toda probabilidade o domingo 2 de maio, pola tarde, contra un equipo de curas arraianos.

viernes, 16 de abril de 2010

GALÁN E O FÚTBOL, UNHA HISTORIA DE AMOR




É díficil concretar con exactitude cando José Luis Domínguez Faria coñeceu o fútbol. Tivo que ser de moi neno, unha tarde calquera de verán, na Illa, por suposto, cando os fillos dalgún emigrante en Francia ou en Lisboa pateaban unha pelota nun camiño calquera. Como non podemos ser precisos neste dato, deixamos o tema aberto para que algún “historiador” máis sabio ca nós, poida aclaralo no futuro. Creemos que a importancia do personaxe merece unha investigación profunda.




Foi un amor a primeira vista. E, en pouco tempo, converteuse nunha paixón arrebatadora. Prometeulle amor eterno e, ata o de agora, non lle ten sido infiel. Mira tamén para outros deportes, é certo: ciclismo, tenis, fútbol-sala, fórmula 1, balonmán, … pero só para apreciar a súa beleza, sen máis intencións. O seu corazón é do fútbol, non hai lugar para nada máis.

E cando tivo que decidirse por unha posición no campo pensou que de porteiro podería disfrutalo cunha intensidade maior. Así, máis que atrapar balóns, abrazábaos, cun abrazo sentido, ata cariñoso, e os balóns só tiñan ollos para el, buscábano, todos ían parar ás súas mans, querían sentir esa calor, ese agarimo, fuxir de tantos destripaterróns e torcebotas que só querían coucealos con violencia, sen delicadeza, sen consideración.







Foi no Ylla F.C. (sí, con Y), o equipo do seu pobo, onde debutou. Tocoulle a difícil tarefa de sustituír a Nido, o primeiro gran referente na portería local. E foi no Ylla onde empezou a sentar cátedra. No campo das Sobreiras fíxose grande e comezou a escribir a súa lenda. ¿Quen non lembra aqueles partidos históricos nas festas do pobo, a principios de agosto, contra os emigrantes de Nancy? Un ano tras outro, vencía a Illa, con el baixo os paos. Ata que houbo que poñerlles fin porque a rivalidade era tal que trascendía ó terreo de xogo, afectando seriamente a convivencia, incluso entre as familias. Ou aqueles outros encontros contra os portugueses de Parada do Monte ou da Ponte da Barca. Aínda hoxe perdura o seu recordo na memoria colectiva da xente da Illa e arredores.




Foi de porteiro que marcou unha época no fútbol da Baixa Limia. Era o dono absoluto da área, o seu territorio. ¡Que poderío! As porterías facíanse pequenas para os rivais. Para os compañeiros, un seguro de vida. Que llo pregunten ó gran Quevedo, a Toño ou a Miguel do Casal, a Valentín, a Javier, a Pirulas…

Sí, efectivamente, estamos a falar de Galán, ¿de quen se non?

O seu primeiro equipo federado foi o Bande. Para o seu debut, alá polo ano 1975, nas categorías rexionais, configuraron unha auténtica selección da Baixa Limia. E para defender a portería ficháronno a el. Era apostar a gañador. Por aquel entón a súa fama traspasara xa o ámbito local e era un referente en toda a comarca. Partidos nas Conchas, no Viso, en Lobios, en Muiños, … non fixeran máis ca agrandar o seu prestixio.



E ó ano seguinte fundouse o Entrimo C.F. Pensou que non llo perdoarían se non botaba unha man. Cunha gran dor de corazón abandonou o Bande para continuar o resto da súa dilatada traxectoria cos seus veciños. A pesares dos numerosos cantos de serea que ouvíu, temporada tras temporada, xa non quixo trocar nunca máis de equipo; ata lle chegaron a ofrecer un coche, oferta tentadora, sen dúbida, pero nin por esas. No Entrimo sentíase valorado, arroupado, así que non sentíu a necesidade de outras aventuras.




A súa lenda foi agrandándose ata límites insospeitados e o seu nome foi pronunciado con reverencia por compañeiros, rivais e afeccionados. Acompañado de outros históricos da súa xeración levou o peso do equipo, sempre con responsabilidade, con dedicación plena, incondicional. Foron tempos de gloria para o Entrimo: un grupo de mozos, todos da zona, unidos por unha ilusión, saían cada domingo ó campo cheos de amor propio, confiados nas súas posibilidades. O público acudía en masa ós Cruceiros e incluso ós desprazamentos. O resultado foi un ascenso fulgurante ata a Primeira Rexional. Unha xeración prodixiosa: Galán, Quevedo, Chimpín, Canario, Mariño, Zaldúa, Toño, José Benito, Pirulas, os irmáns Baralló, Miguel, Tristán, Javier, Xaxo, Falín, Carpio, Juan Carlos, Agacha, Alejandro, Pachi, … un equipo irrepetible.



Un verán, a principios dos 80, chegou a Entrimo o Mirandés, aquela temporada en 2º B (cando só había un grupo a nivel nacional), co Celta, co Deportivo, … Na súa plantilla, profesional, destacaban Muñoz, Aqueche, Martín, Requejo, Maldonado, Merayo, Mediavilla … e o noso Agacha. A diferencia entre os equipos parecía moita, pero cando o partido comezou os burgaleses enseguida se deron conta que enfronte tiñan un equipo de homes valentes, atrevidos, que lles miraban á cara, de ti a ti, sen complexos. E cando se achegaban á portería local, alí había un xigante que parecía ter un imán nas mans, poderoso, dominador, incluso intimidador. O asombro do rival non era tal nos xiareiros do Entrimo … nin en Agacha; eles xa contemplaran tales exhibicións veces sen conto, xa sabían do que o rapaz era capaz. E os seus compañeiros de campo, apretaban, tiraban para diante; as costas tíñannas ben cubertas …. alí estaba Galán. 0-2 foi o resultado final, unha victoria traballada para eles e unha derrota con honra para os nosos.




¡Cantos campos da provincia poderían dar fe das súas fazañas! A prensa deixou moitas veces constancia das súas exhibicións. E eso que o público foráneo presionaba, en ocasións ata límites dificilmente tolerables. Pero nin por esas, a el non era fácil intimidalo, é máis, incluso lle servía de motivación.


Cando a pelota se atopaba lonxe da súa portería, Galán pensaba. A súa cabeza dibuxaba estratexias, tácticas, ángulos, presións, liñas de pase, … ¿Por qué non soltará o balón dunha vez?, dicía para si. Tiña que golpear de primeiras. ¡Qué pouco espíritu ten, con ese corpo…! Tiña que ter cambiado o xogo. Debería pasar ese para a dianteira e ese outro para o mediocampo. ¡Que se deixe de taconciños! Parecemos vellos. Era mellor plantexar un 5-4-1, así teriamos máis opcións.

Un bo día (malo para o fútbol) decidíu que xa era dabondo, que xa estaba canso de ter que solucionar os fallos dos demáis. E entón volcouse noutra faceta, na de entrenador, tarefa ingrata, pero nada descoñecida para el. Foron moitos os partidos nos que tivo que correxir, ordenar, animar, … desde dentro, así que tamén podería facelo desde fóra. A maior parte da súa carreira como técnico transcurríu no Entrimo, sen dúbida, o equipo dos seus amores. Pero tamén colaborou co Lobios e con cantos precisaron da súa experiencia desde a banda, co Illa F.C., cos rapaciños do fútbol-sala, cos mozos nos torneos de verán, …



O fútbol non ten secretos para el. Aprecia un xogo sinxelo, sen complicacións, directo, ben armado atrás e resolutivo adiante. Un fútbol recio, de xente que non se arruga, que mete o pé.


Na actualidade, coma moitos dos seus compañeiros de sempre, disfruta do fútbol nos Veteranos da Baixa Limia. Primeiro compaxinou a portería e banquillo ata que unha tarde aciaga, nun día triste, a sorte, a mala sorte, obrigouno a parar. A Gudiña, un dianteiro rival encara a meta e Galán sae contundente, expeditivo, como fixo sempre. Evitou o gol, pero na caída un mal golpe …. O destino, caprichoso, que tantas e tantas veces o favorecera, nesta ocasión foille esquivo. Non é xusto, nada xusto. Un grande coma el non pode ser arrincado dos terreos de xogos por un traizoeiro zurriagazo do azar. Xa plenamente recuperado aínda nos queda a esperanza de velo un día abandonar o campo de pé, coas luvas na man, orgulloso por ter feito unha boa faena, … como fixo sempre.


GALÁN, un grande.