Primeiro partido da nova temporada dos Veteranos da Baixa Limia e primeiro tamén nas Neves.
Antes de nada debemos agradecer ós nosos anfitrións (comandados pola nosa paisana Rosa) o trato recibido, exquisito en todo momento. Esperemos que este primeiro contacto con eles teña continuidade no futuro.
O resultado do partido, 4-4, fai xustiza ós merecementos de ambos equipos. Os nosos contaron coa importante baixa de Galán, o entrenador, por un luctuoso acontecemento familiar. Tivo que ser o seu alter ego (aínda que non totalmente), Mariño, o que tomase as rendas. ¡E vaia como se as gasta! Para empezar púxonos firmes a todos, deixando claras algunhas cousas referidas sobre todo a actitude. Digamos que marcou o territorio. Foi un discurso franco, sen rodeos, ó máis puro estilo Mourinho (ou Guardiola). E foi efectivo, claro que o foi. O equipo respondeu á súa arenga con xogo combinativo e intenso, que o deixou satisfeito. Si, si, el tamén xogou, pero só o xusto para deixar patente a súa pegada nas terras do Miño; un gol en poucos minutos de xogo.
Tras o encontro, houbo que intercambiar opinións ó redor de uns bos pratos de lamprea, regados, ben regados, cun albariño, que baixa ben e sube rápido. Tamén aquí houbo empate.

Esta crónica resulta, sen dúbida, breve para reflectir todos os bos momentos nas Neves, así que a ver se alguén se anima a ampliar a información nos comentarios.