sábado, 16 de enero de 2010

Plácido, "unha vez tiven un soño"

“Unha vez tiven un soño. Soñei …” que un día na Baixa Limia deixariamos de lado rivalidades, localismos radicais, orgullos mal entendidos. Soñei que nos uniriamos para facer cousas xuntos, para divertirnos xuntos, para axudarnos, para … Soñei que os de Lobios, os de Muiños, os de Entrimo, os de Bande, os de Lobeira puxariamos para o mesmo lado. Soñei … Soñei …





“Eso é imposible, rapaz. Abandona a idea, non lla comentes a ninguén, riríanse de ti”, decíanme. Pero eu seguía con esa teima, non conseguía apartala da cabeza. Ata que un día decidín que polo menos había que intentalo. Falei con Galán, falei con Lino, con Gayol, con Moncho, con Cinco, … e case sen darnos conta xurdiron os Veteranos da Baixa Limia. Sí, é o fútbol o nexo que nos une. Outrora rivais encarnizados, protagonistas moitos de mil batallas, odios cuasiviscerais, comprobamos agora que é máis o que nos une ca o que nos separa.







Xa van máis de dez anos e o soño convertíuseme nunha realidade consolidada. Ostento o título de Presidente. Descoñezo se hai oposición á miña xestión, creo que non, pero xa sabedes eso da erótica do poder. A responsabilidade é moita, aínda que conto cun bo equipo de colaboradores. Algunhas veces tenme asaltado o desánimo e síntome tentado a abandonar, pero entón acórdome de todos eses momentos en tantos campos de fútbol, de todas esas saídas no microbús do Lino, de Segovia, de todas esas risas, daquel gol fallado en Mondoñedo, daquel outro espectacular de Vila do Conde, da amizade e do bo ambiente do grupo, … e o ánimo recupéraseme.




Foi fai moitos anos, no Seminario Menor, coma algúns dos meus compañeiros, cando empezei a xogar ó fútbol. Aínda lembro os partidos que alí organizabamos, había que poñer as redes ás porterías, marcar o campo cun picachón, as camisetas raídas e con manchas de óxido, … Xa entón xogaba de lateral “carrileiro”.





A miña carreira futbolística transcurríu básicamente no Muiños, o equipo do meu pobo. Foi aí, ben coma compañeiros, ben coma rivais, onde fixen a maioría dos contactos cos que agora son os “socios” desta aventura. Incontables son os kilómetros recorridos no campo de Mugueimes. Moitas son as botas (¿acordádesvos das Marco?) gastadas naquelas bandas. ¿Cantos centros terei feito, cantos cortes, cantos recortes, cantos pases?





Debo que dicilo. Tamén militei no San Andrés de Tenerife, ó lado da praia de Las Teresitas, pero foi unha estancia breve, fugaz. Ese non é lugar para min, demasiada calor. Púidome a nostalxia, botaba de menos a terra.






Pareceravos que estades lendo o relato dun ex-futbolista. Pois estades errados, moi errados. É agora precisamente, nos Veteranos da Baixa Limia, onde estou dando o mellor de min, aproveitando toda a sabiduría acumulada. Sí, é verdade, entreno moito; case cada día saio a correr para manter a forma, tampouco é cuestión de abandonarse e, por enriba, hai que subsanar as evidentes lagoas físicas de algúns. Quédame o resquemor, teño que recoñecelo, de non ter podido participar (por unha inoportuna lesión) no partido contra os veteranos do Atlético de Madrid; poida que, de xogar eu, o resultado non tivese sido tan abultado.



Férveme a cabeciña. Madeira, Madeira, Madeira, … os Veteranos da Baixa Limia ten que xogar un partido na Madeira. O ano que ven hai que ir, temos que ampliar os horizontes, ver mundo. Xa estivemos a punto de xogar en Cuba, pero finalmente non pudo ser por falta de efectivos. Só foi posible enviar unha pequena delegación a La Habana para que tamén alí soubesen que existiamos. ¡Ai, embárgame a saudade! A miúdo lémbrome daqueles paseos polas rúas coloristas da Habana vella, dos mojitos, das súas rapazas bonitas, da súa música (algún que outro bailoteo nos marcamos), do Tropicana, do Malecón, da súa alegría, da súa luz, das súas noites (¡con que soltura algúns se manexaron nelas!). Fue bonito mientras duró. Pero agora toca a Madeira, … e vamos a ir moitos, … e xogarémoslle un partido, e…. será bonito.




Plácido, Veteranos da Baixa Limia, un soño feito realidade.